Presentación de Contomelar

A miña intención foi crear Contomelar para comentar sobre as meteduras de pata que se fan, non só en Sofán, senón en toda esta España chamada país.

Escollin Contomelar para o título do blogue polo seu significado, na nosa lingua nai, de traer contos e chismes, e engadínlle  Mirandola porque é o sitio dende  onde se pode ollar sen ser vistos. ¡E que mellor mirandola que a internet!

Asemade resucito estas dúas verbas tan fermosas que o Dicionario da Real Academia Galega empeñouse en asasinar.

En fin, así foi que o blogue acabou por converterse no que é, unha mirandola para criticar e contomelar cousas que teñan a súa retranqueira.
Así que espero que pasedes un momento pracenteiro ollando Contomelar.



Tamén quero presentarvos a Cheíño de Tó, un personaxe creado para que me axude a analizar a vida cotiá do concello arteixán no blogue ARTEixolandia.

Un blogue local onde vou plasmando a realidade municipal nunhas viñetas cun enfoque humorístico, respectuoso e con moita retranca. O obxectivo é demostrar ó mundo a través da rede que os veciños de Arteixo temos bo humor, polo que intento ofrecer unha imaxe distinta da habitual crispación, grosería e malos modos dos políticos.

As ideas para as viñetas con nome propio atópoas principalmente nas novas que saen a través das redes sociais e dos medios de comunicación, polo que só son responsábel de reflectir con retranca as súas partidistas opinións.

Intento deixar a un lado as miñas convicións políticas para arremeter, principalmente, contra quen se atope no poder, sexa dun ou outro partido.
Así que quedades convidados a dar un paseo por ARTEixolandia, aínda que chova!


Jujobaca